Rompendo co que vén sendo habitual neste blog, escribirei a miña seguinte entrada en galego. Non pode ser doutro xeito se o tema tratado é a perspectiva de futuro dun dos programas míticos da TVG: o “Xabarín club”.
Este programa nacía no ano 1994 como un programa colector de series animadas dirixidas ós máis cativos: “As bólas máxicas”, “O doutor Slump e Arale”, “Doraemon, o gato cósmico”, “Os Picapedra”, “Hattori o ninja”, “Os Teletubbies”, “Shin Chan”... encheron tardes e tardes de merendas con bocadillos de nocilla. Entre serie e serie intercalábanse vídeos musicais de grupos galegos como Os Heredeiros da Crus, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Os Diplomáticos de Monte Alto, así como concursos e outras seccións (quen non se lembra do Doutor TNT ou de Silvia Superstar?).
Desde o primeiro momento o “Xabarín” foi todo un fenómeno social entre a rapazada galega. Os socios (porque recordemos que á parte dun programa de televisión era un clube, xa o dicía a canción do inicio: “Somos do clube da Galega”) ían medrando co paso dos anos en antena, editáronse varios discos cos éxitos musicais do programa, celebráronse varias xiras de concertos por toda Galicia... A importancia do “Xabarín club” foi tanta que mesmo se erixiu como o maior axente normalizador da lingua galega: para un número importante de rapaces o programa supuxo o seu único contacto co galego fóra da escola.
No 2007 o porco bravo máis famoso da televisión cambiou a súa imaxe con
motivo do seu 13º aniversario e no 2009 mudouse á nova canle G2 (agora coñecida
como tvG2), de xeito que o espazo infantil galego por excelencia quedaba
relegado a un canal minoritario, case residual.
Así, a luz do “Xabarín” foise apagando e pouco queda xa daquel fenómeno de
masas de finais dos 90. Non obstante, algúns membros daquela que deu en chamar
“Xeración Xabarín” emprenderon nos últimos anos accións para a reivindicación e
a potenciación do programa, simples xestos como subir a Youtube os vídeos
musicais das cancións do “Xabarín” ou as cabeceiras das series míticas. Outros
foron máis alá e mesmo crearon puntos de encontro en internet para os antigos
seguidores do “Xabarín”... Pero nada é abondo para revivi-lo espírito dos
tempos pasados. Precisamente hai uns días coñecémo-la nova (a mala nova) do
peche dunha web creada por fans do “Xabarín Club”.
Polo tanto, que é o que está fallando no actual “Xabarín”? Estamos falando
dunha marca televisiva caduca? Existen posibilidades de recupera-la súa esencia?
1. O papel secundario dos programas infantís na televisión actual
Está claro que ó “Xabarín” non lle sentaron ben os cambios que sufriu
nos últimos anos. Penso que o seu paso á segunda canle da TVG obedecía, por
unha parte, a unha estratexia de potenciación dunha cadea acabada de inaugurar e,
por outra parte, a unha estratexia de “secundarización” (por dicilo dalgún
xeito) da programación infantil. Ó que me refiro neste último punto é ó papel
secundario que os espazos para nenos teñen desde hai varios anos nas principais
canles de televisión, un papel secundario que fixo que estes espazos desaparecesen das canles “de toda a vida” (A Galega, La 1, Antena 3, Telecinco...).
Isto “obriga” ós rapaces (ou ós pais dos rapaces) a sintonizar canles temáticas
(Clan, Boing, Disney Channel) ou a sintonizar canles secundarias que apenas
teñen visibilidade entre a sociedade e que non dedican todo o seu tempo á
programación infantil (o caso da tvG2 e doutras canles secundarias autonómicas
como a valenciana Nou2).
2. A dura competencia das canles temáticas
Ante a disxuntiva de escoller entre unha canle que ofrece programación para
cativos a calquera hora do día e outra canle que ofrece programación infantil
só a determinadas horas, os cativos tenden a optar pola primeira alternativa.
Baixo o meu punto de vista, é máis probable que unha canle como por exemplo Clan
consiga unha maior fidelidade da audiencia infantil cá tvG2 polo simple feito
de que Clan emite debuxos animados durante todo o día. Os nenos, malia seren
nenos, saben que en Clan (e por extensión en Boing e en Disney Channel) terán
programación para eles sempre que estean vendo a tele; pola contra, na tvG2
poden atoparse coa abella Maia ou co “Zigzag” (programa totalmente necesario
nunha televisión pública, pero que loxicamente non vai dirixido ós nenos).
Polo tanto, o rapaz e mailos pais do rapaz van “a tiro fixo” e descartan
outras opcións.
3. Unha nomenclatura pouco axeitada
Cal é daquela a solución? Converte-la tvG2 nunha canle exclusivamente
infantil e xuvenil? Sería unha opción a estudar, pero a segunda canle da TVG
contén outro tipo de programación (deportes, cultura, cine...) que non ten
cabida na Galega de toda a vida. Así que podemos ir descartando esta
posibilidade.
Se o pensamos detidamente, o nome “tvG2” fai augas por todas partes. Se ben
é certo que fai clara referencia ó seu carácter de cadea secundaria da CRTVG,
non ten unha pronuncia rápida, clara, facilmente recordable. Case ninguén se
refire a ela como “Te Uve Ga Dous” ou “Te Uve Ga Dúas” do mesmo xeito que é
pouca a xente que na vida cotiá lle chama “Te Uve Ga” á que sempre coñecemos
como “A Galega”. O mal da nomenclatura xa vén desde os tempos da apertura da
nova canle, que ó primeiro recibía o nome escrito de “G2” e que resultaba
tremendamente ambiguo (como se pronunciaría? “Ga Dous”, “Ga Dúas”, “Gue Dous”,
“Gue Dúas”?).
Ó meu parecer, o máis recomendable sería dividi-la programación actual da
tvG2 en diversas canles que emitan a través da mesma frecuencia e en diferentes
horas do día. Isto xa acontece noutros lugares: as canles catalás Super 3
–infantil– e El 33 –cultural− comparten frecuencia, igual cá canle infantil
CBBC e a BBC Three, dirixida a un público xuvenil. Esta división en canles
dentro da mesma frecuencia daría pé a que nun futuro moi optimista e moi afastado no tempo cada canle tivese
a súa propia frecuencia para emitir, ademais de que crearía unha imaxe de marca
diferenciada para cada tipo de programación. Nese novo marco, o
nome máis axeitado para a canle coa programación infantil sería loxicamente “Xabarín TV”.
4. A necesidade dunha maior publicidade
Ante todo, o que necesita o “Xabarín Club” (e en xeral toda a programación
da tvG2) é unha maior promoción. No caso do “Xabarín” habería que falar da necesidade de
publicidade no ámbito escolar (colexios, institutos...), así como noutros lugares públicos frecuentados maioritariamente por rapaces e rapazas (por exemplo, as salas de pediatría dos
centros de saúde e dos hospitais). Seguramente as axencias de publicidade
aportarían ideas mellores ás miñas neste sentido e serían quen de deseñar unha campaña publicitaria mellor ca min, pero creo que sería fundamental recalca-lo
feito de que a programación do “Xabarín” é a única programación infantil que
existe en galego.
5. A renovación de contidos
Todo isto supón unha certa renovación da oferta. Renovarse ou morrer. Algunhas das series que se
ofrecen hoxe en día son as mesmas que viamos os que formamos parte da “Xeración
Xabarín” dos 90. Estas series están moi ben como apuntamento nostálxico, pero
non captan ó rapaz de hoxe en día.
Habería que facer fincapé en ofrecer un tipo de programación que non
ofrecen as canles temáticas. Cumpriría converte-lo “Xabarín” nun espazo
que sexa algo máis ca unha sucesión de series de animación. Debería ser un
espazo que non só entreteña os rapaces, senón que tamén os faga pensar, razoar
sobre o mundo que nos rodea cunha variedade suficiente de seccións e
personaxes. Así mesmo, estaría ben incluír máis programación para a pequena
infancia e para os adolescentes, ademais de espazos de animación feitos en
Galicia (somos unha gran potencia nese sector). Tamén sería bo fomenta-la
inclusión de vídeos musicais de grupos e cantantes galegos para darlle pulo á
pequena industria discográfica de Galicia.
É dicir, o “Xabarín” debería servir como instrumento para forma-las novas
xeracións de galegos e galegas así como para darlles visibilidade a novos
talentos da música, da interpretación e da creación. Para iso, o "Xabarín" ten que ser capaz de
recupera-la esencia dos seus primeiros anos, aquel espírito de pertenza a un club exclusivo
formado por rapaces e rapazas de Galicia, un club no cal a interactividade adaptada ós novos tempos sexa unha peza fundamental. Só así poderemos seguir falando durante anos do "Xabarín" da Galega.
Ó meu parecer, todo o que ti propós como melloras, son ausencias cometidas á mantenta por unha cuestión de ideoloxía política. É casualidade que o maior normalizador da lingua galega comece o seu estrepitoso descenso cal morte anunciada cando chega o goberno de Feijóo ó poder? O que este goberno está a facer coa lingua non é casual nin caótico, responde a un plan ben pensado e trazado e a morte do Xabarín é a clave. Se os nenos non falan galego cando son nenos, se non coñecen a súa lingua, cando sexan maiores nin o falarán nin lle terán agarimo nin a defenderán nin lla ensinarán a seus fillos.
ResponderEliminar