viernes, 8 de marzo de 2013

AUDIENCIA INFANTIL: O "XABARÍN CLUB"




Rompendo co que vén sendo habitual neste blog, escribirei a miña seguinte entrada en galego. Non pode ser doutro xeito se o tema tratado é a perspectiva de futuro dun dos programas míticos da TVG: o “Xabarín club”



Este programa nacía no ano 1994 como un programa colector de series animadas dirixidas ós máis cativos: “As bólas máxicas”, “O doutor Slump e Arale”, “Doraemon, o gato cósmico”, “Os Picapedra”, “Hattori o ninja”, “Os Teletubbies”, “Shin Chan”... encheron tardes e tardes de merendas con bocadillos de nocilla. Entre serie e serie intercalábanse vídeos musicais de grupos galegos como Os Heredeiros da Crus, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Os Diplomáticos de Monte Alto, así como concursos e outras seccións (quen non se lembra do Doutor TNT ou de Silvia Superstar?).



Desde o primeiro momento o “Xabarín” foi todo un fenómeno social entre a rapazada galega. Os socios (porque recordemos que á parte dun programa de televisión era un clube, xa o dicía a canción do inicio: “Somos do clube da Galega”) ían medrando co paso dos anos en antena, editáronse varios discos cos éxitos musicais do programa, celebráronse varias xiras de concertos por toda Galicia... A importancia do “Xabarín club” foi tanta que mesmo se erixiu como o maior axente normalizador da lingua galega: para un número importante de rapaces o programa supuxo o seu único contacto co galego fóra da escola. 


No 2007 o porco bravo máis famoso da televisión cambiou a súa imaxe con motivo do seu 13º aniversario e no 2009 mudouse á nova canle G2 (agora coñecida como tvG2), de xeito que o espazo infantil galego por excelencia quedaba relegado a un canal minoritario, case residual. 


Así, a luz do “Xabarín” foise apagando e pouco queda xa daquel fenómeno de masas de finais dos 90. Non obstante, algúns membros daquela que deu en chamar “Xeración Xabarín” emprenderon nos últimos anos accións para a reivindicación e a potenciación do programa, simples xestos como subir a Youtube os vídeos musicais das cancións do “Xabarín” ou as cabeceiras das series míticas. Outros foron máis alá e mesmo crearon puntos de encontro en internet para os antigos seguidores do “Xabarín”... Pero nada é abondo para revivi-lo espírito dos tempos pasados. Precisamente hai uns días coñecémo-la nova (a mala nova) do peche dunha web creada por fans do “Xabarín Club”.


Polo tanto, que é o que está fallando no actual “Xabarín”? Estamos falando dunha marca televisiva caduca? Existen posibilidades de recupera-la súa esencia?



1. O papel secundario dos programas infantís na televisión actual

Está claro que ó “Xabarín” non lle sentaron ben os cambios que sufriu nos últimos anos. Penso que o seu paso á segunda canle da TVG obedecía, por unha parte, a unha estratexia de potenciación dunha cadea acabada de inaugurar e, por outra parte, a unha estratexia de “secundarización” (por dicilo dalgún xeito) da programación infantil. Ó que me refiro neste último punto é ó papel secundario que os espazos para nenos teñen desde hai varios anos nas principais canles de televisión, un papel secundario que fixo que estes espazos desaparecesen das canles “de toda a vida” (A Galega, La 1, Antena 3, Telecinco...). Isto “obriga” ós rapaces (ou ós pais dos rapaces) a sintonizar canles temáticas (Clan, Boing, Disney Channel) ou a sintonizar canles secundarias que apenas teñen visibilidade entre a sociedade e que non dedican todo o seu tempo á programación infantil (o caso da tvG2 e doutras canles secundarias autonómicas como a valenciana Nou2).




2. A dura competencia das canles temáticas

Ante a disxuntiva de escoller entre unha canle que ofrece programación para cativos a calquera hora do día e outra canle que ofrece programación infantil só a determinadas horas, os cativos tenden a optar pola primeira alternativa. Baixo o meu punto de vista, é máis probable que unha canle como por exemplo Clan consiga unha maior fidelidade da audiencia infantil cá tvG2 polo simple feito de que Clan emite debuxos animados durante todo o día. Os nenos, malia seren nenos, saben que en Clan (e por extensión en Boing e en Disney Channel) terán programación para eles sempre que estean vendo a tele; pola contra, na tvG2 poden atoparse coa abella Maia ou co “Zigzag” (programa totalmente necesario nunha televisión pública, pero que loxicamente non vai dirixido ós nenos). 

Polo tanto, o rapaz e mailos pais do rapaz van “a tiro fixo” e descartan outras opcións.



3. Unha nomenclatura pouco axeitada

Cal é daquela a solución? Converte-la tvG2 nunha canle exclusivamente infantil e xuvenil? Sería unha opción a estudar, pero a segunda canle da TVG contén outro tipo de programación (deportes, cultura, cine...) que non ten cabida na Galega de toda a vida. Así que podemos ir descartando esta posibilidade.


Se o pensamos detidamente, o nome “tvG2” fai augas por todas partes. Se ben é certo que fai clara referencia ó seu carácter de cadea secundaria da CRTVG, non ten unha pronuncia rápida, clara, facilmente recordable. Case ninguén se refire a ela como “Te Uve Ga Dous” ou “Te Uve Ga Dúas” do mesmo xeito que é pouca a xente que na vida cotiá lle chama “Te Uve Ga” á que sempre coñecemos como “A Galega”. O mal da nomenclatura xa vén desde os tempos da apertura da nova canle, que ó primeiro recibía o nome escrito de “G2” e que resultaba tremendamente ambiguo (como se pronunciaría? “Ga Dous”, “Ga Dúas”, “Gue Dous”, “Gue Dúas”?). 


Ó meu parecer, o máis recomendable sería dividi-la programación actual da tvG2 en diversas canles que emitan a través da mesma frecuencia e en diferentes horas do día. Isto xa acontece noutros lugares: as canles catalás Super 3 –infantil– e El 33 –cultural− comparten frecuencia, igual cá canle infantil CBBC e a BBC Three, dirixida a un público xuvenil. Esta división en canles dentro da mesma frecuencia daría pé a que nun futuro moi optimista e moi afastado no tempo cada canle tivese a súa propia frecuencia para emitir, ademais de que crearía unha imaxe de marca diferenciada para cada tipo de programación. Nese novo marco, o nome máis axeitado para a canle coa programación infantil sería loxicamente “Xabarín TV”.

 


4. A necesidade dunha maior publicidade

Ante todo, o que necesita o “Xabarín Club” (e en xeral toda a programación da tvG2) é unha maior promoción. No caso do “Xabarín” habería que falar da necesidade de publicidade no ámbito escolar (colexios, institutos...), así como noutros lugares públicos frecuentados maioritariamente por rapaces e rapazas (por exemplo, as salas de pediatría dos centros de saúde e dos hospitais). Seguramente as axencias de publicidade aportarían ideas mellores ás miñas neste sentido e serían quen de deseñar unha campaña publicitaria mellor ca min, pero creo que sería fundamental recalca-lo feito de que a programación do “Xabarín” é a única programación infantil que existe en galego.



5. A renovación de contidos

Todo isto supón unha certa renovación da oferta. Renovarse ou morrer. Algunhas das series que se ofrecen hoxe en día son as mesmas que viamos os que formamos parte da “Xeración Xabarín” dos 90. Estas series están moi ben como apuntamento nostálxico, pero non captan ó rapaz de hoxe en día


Habería que facer fincapé en ofrecer un tipo de programación que non ofrecen as canles temáticas. Cumpriría converte-lo “Xabarín” nun espazo que sexa algo máis ca unha sucesión de series de animación. Debería ser un espazo que non só entreteña os rapaces, senón que tamén os faga pensar, razoar sobre o mundo que nos rodea cunha variedade suficiente de seccións e personaxes. Así mesmo, estaría ben incluír máis programación para a pequena infancia e para os adolescentes, ademais de espazos de animación feitos en Galicia (somos unha gran potencia nese sector). Tamén sería bo fomenta-la inclusión de vídeos musicais de grupos e cantantes galegos para darlle pulo á pequena industria discográfica de Galicia. 


É dicir, o “Xabarín” debería servir como instrumento para forma-las novas xeracións de galegos e galegas así como para darlles visibilidade a novos talentos da música, da interpretación e da creación. Para iso, o "Xabarín" ten que ser capaz de recupera-la esencia dos seus primeiros anos, aquel espírito de pertenza a un club exclusivo formado por rapaces e rapazas de Galicia, un club no cal a interactividade adaptada ós novos tempos sexa unha peza fundamental. Só así poderemos seguir falando durante anos do "Xabarín" da Galega.

 

Sígueme tamén no Twitter: @BorjaNeira89

1 comentario:

  1. Ó meu parecer, todo o que ti propós como melloras, son ausencias cometidas á mantenta por unha cuestión de ideoloxía política. É casualidade que o maior normalizador da lingua galega comece o seu estrepitoso descenso cal morte anunciada cando chega o goberno de Feijóo ó poder? O que este goberno está a facer coa lingua non é casual nin caótico, responde a un plan ben pensado e trazado e a morte do Xabarín é a clave. Se os nenos non falan galego cando son nenos, se non coñecen a súa lingua, cando sexan maiores nin o falarán nin lle terán agarimo nin a defenderán nin lla ensinarán a seus fillos.

    ResponderEliminar